Poetas (A voapluma, 03/01/2000)

Inesquecible velada poética. Vicente Araguas presentaba a súa antoloxía bilingüe, dos poemas da vida, e convocou na Vilapodre o máis lindo da poesía cascarilleira e betanciera: coma un sultán, sentou á mesa da Galería Sargadelos a Teresa Seara, Luísa Villalta, Iolanda Castaño e Emma Couceiro.
Orixinal, o poeta, novelista e crítico temido, galego-exercente nas estepas altas da Castela, deixou as xentís presentadoras á súa dereita (onde cómpre pór as donas en reino cristián). Non se fixo rodear por elas.
Do que dixeron encol da personalidade do escritor e mais das súas estrofas, con rima e sen ela, ficou constancia nos medios de comunicación que andan ao día.
E tal vez se puidese dicir máis, aínda que, se cadra, habería que dicir algo diferente, acerca dos poetas…
Luísa Villalta, das presentes a dama moza con máis experiencia no vivir, entrou en definicións -de poesía e de literatura nacional- para chegar a un acerto máximo coa anécdota que contou sobre Uxío Novoneira:
Falando con ela, o home bo que hai pouco saía cara ao País sen Retorno confesaba sentirse estraño por ser “presidente dunha asociación de escritores, cando eu non son escritor”.
O que parece difícil de entender para calquera con coñecemento da literatura galega -¿como que Novoneira non era escritor?-, a Luísa non llo pareceu tanto.
Non, porque presentiu o remate do discurso do Uxío, lírico señor do Courel: “Nós, os poetas, só escribimos o que nos sobra”.
Certo: os poetas de veras viven en poesía, non devecen por escribir.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/01/2000]

Share