Einstein (A voapluma, 31/12/1999)

Ser mencionado na revista TIME é existir para o mundo -como existiu o Bebeto logo de aparecer na súa portada batendo coa punta do pé nun balón.
Ninguén dubida a importancia desa news magazine, pero preocupa ata onde o poder dun medio condiciona os xuízos dos receptores da súa mensaxe, sexan directos ou a través doutros medios que fan eco do que consideran leader indiscutible.
Nestes días repetiuse ata a fartura en prensa, radio e televisión que TIME escollera como “persoa do século” a Albert Einstein; e non tanto que a “persoa do ano” fora Jeff Bezos, o fundador de Amazon, a paradigmática “librería virtual”.
Lectores asiduos de TIME saben que a revista leva meses a presentar personalidades que marcaron os anos iniciados con 19. Entre elas está a de Timothy Berners-Lee, enxeñeiro inglés que concibiu e desenvolveu a linguaxe de marcas de hipertexto, o localizador universal de recursos e o protocolo de transferencia de hipertexto… Ou sexa: o inventor da world wide web.
Einstein deu xenial teoría do que había de acontecer con ela ou sen ela, para ben ou para mal. Berners-Lee cambiou o mundo, permitindo converter a Internet nalgo tan popular coma o que mantén Amazon. Gracias a el, máis de cento cincuenta millóns de persoas “navegan” pola rede.
Os inventores do transistor, os realizadores da idea do “datagrama” en que se basea a interrede e Berners-Lee fixeron no século XX que entremos nun XXI completamente diferente con ou sen enerxía atómica, a velocidades maiores ou menores cá da luz.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/12/1999]

Share