Incidente (A voapluma, 30/12/1999)

Festas de Nadal, centro comercial da Coruña, ateigado de xente. Mostrador de envoltorios de agasallo. Na fileira dos clientes, un tipo canoso, con xeito de burgués pacífico que algo comprou a un neto. Olla distraído para os estantes de novidades literarias en canto espera.
Polo corredor pasan dúas raparigotas exuberantes -mulata e cuarteirona- a falaren francés crioulo, haitiano. A mulata, destemida, cospe unha frase inesperada -en bo castelán- ao home que olla os libros: “¡¿Qué hostia miras, carajo?!”.
Este, abraiado, a penas balbucia un “Maleducada” que recibe a aprobación dos seus compañeiros de cola…
París, fronte ao Centro Pompidou. No puro estilo do Hyde Park londinense, unha escada de tesoura e, escarranchada no seu cumio, unha bela figura de ébano que fala inglés correcto, mais con pronuncia impropia. Non é un negro ianqui, nin criado en Inglaterra. Debe ser africano.
Un público de maioría americana esmendréllase á risa coa súa parolería. Os xendarmes vixían, sen interviren. Quizais porque non entendan o discurso, que se reduce ao seguinte:
“Vós, europeos da merda, pasastes catrocentos anos amolándonos a vida nas nosas terras, que chamades colonias; e sodes tan parvos que agora nos dades isto -o paroleiro axita un cartón de residencia-. Pois esperade, que vos imos amolar aquí para o resto da Historia”…
Europa sabe que lle cómpre pagar polos seus pecados. E os galegos -tratados “coma negros” (léase Rosalía) en tantos sitios- han pagar por pecados europeos que non cometeran.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/12/1999]

Share