O Mulato (A voapluma, 26/12/1999)

De moda a inmigración, non é malo lembrar a escravitude e o prexuízo, cun exemplo: O Mulato, novela de Aloísio Azevedo, síntese histórica e estatística dun mundo e dun tempo.
Maranhão, Império do Brasil, último tercio do século XIX. Dous inmigrantes portugueses, irmáns. O un, comerciante; o outro, facendeiro. Aquel casou con moza branca e tivo filla branquiña coma pomba; este arranxou vida cunha escrava e tivo fillo mulato, liberto ao bautismo, ao que deu estudios en Portugal e moita formación europea de viaxar e ver.
Formado, doutor en leis, volve o rapaz á patria coa intención de vender a herdanza deixada para el polo pai defunto. E acontece o propio: namoro de curmáns, paixón imposible, porque o doutor é “cabra”, impuro.
Azevedo representa un mundo cego polo racismo, no que os valores dunha persoa -cultura e bonomía- fican desvirtuados pola cor da súa pel. Describe teatro e personaxes de traxedia social -que se albisca desde a primeira páxina- coa precisión de dous narradores coetáneos: Eça de Queiroz en portugués e Clarín en castelán.
O lector séntese no medio da turba prexuizosa, e chega a odiar o crego elegante, confesor, que instiga un asasinato vil. Como en O crime do padre Amaro ou en La Regenta, en O Mulato percíbese axuste de contas á Igrexa oficial…
Aloísio Azevedo foi autor eclipsante no seu tempo, cónsul en Vigo, amante de arxentina famosa. ¿E que se sabe del e da súa obra?
Nada. Da literatura brasileira aquí só soa -algo- Jorge Amado. E dela queda moito por aprender.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/12/1999]

Share