Natividade (A voapluma, 24/12/1999)

Comezaron a medrar os días pero aínda vai haber moito ceo de chumbo, e moito mar de mercurio, esmagado baixo as nubes. Noutras terras, no hemisferio austral, a vida sorrí en glorias estivais —e a mente voa cara alá sempre á procura dalgo distinto…
Hoxe —disque— Deus non é un algoritmo para resolver unha dúbida. Parece que o Creador existe e que puxo os seus ollos en Miriam, moza de tribo xudía. E que ela concibiu o Fillo Unixénito, Quen nacería hai 2000 anos en lugar de pastores do ermo palestino.
Hoxe, segundo os calendarios dunha parte dos homes, cómpre celebrar a natividade de Aquel polo que moitos morreron —e no nome do cal matouse a moitos.
Nadal, días débiles, noites bravas, frío; e unha saudade de paisaxes do sur deterioradas por costumes do norte: quen puidera pasear por Río de Xaneiro ou Buenos Aires, vendo émulos de Papá Noel en traxe lixeiro a suaren coma pitos por baixo das barbas brancas e falsas.
Aquí, uns queren recollemento na festa do Neno Deus. Outros —que probaron o sur— devecen polos praceres da praia con garotas e minas en tanga.
Natividade, ¿de quen? Lindo é pechar os ollos e crer, deixarse levar pola crenza. Mais algo obriga a dubidar, porque aínda somos humanos.
Vexamos: ¿Cómo verían os europeos o Nadal se o verdadeiro Fillo de Deus fose Elal?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/12/1999]

Share