Galaxia (A voapluma, 23/12/1999)

A editorial Galaxia vén de recibir unha homenaxe española, por aguantar cincuenta anos a contrafío creando cultura.
Agora é doado publicar en galego e -permita dicilo Xabier Docampo– mesmo se publica de máis, coa sospeita que haxa quen se apropie alegremente de subvencións para pór en negro sobre branco o que só serve para defraudar lectores nunha lingua minorizada.
Pero houbo tempos en que non había un peso para publicar e os lectores eran os de sempre: os poucos que daban azos a quen se atrevía á tolada de facer libros en galego. E neses tempos funcionaba a censura franquista, da que a penas se fala porque todos queremos esquecer (o cal é malo porque, remexendo nas miserias do pasado, apréndese para non caer nelas no futuro).
Galaxia para algúns vivos e activos hoxe foron Ramón Piñeiro e a súa mesa famosa na galería da casa compostelá a onde se peregrinaba. Pero tamén o foi Ben-Cho-Shey, principal axente galeguista de Madrid.
Nas décadas heroicas, don Ramón tiña a paciencia de aturar rapaces, recibir manuscritos, pasalos a máquina e levalos ao prelo. E Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey en código) gastaba tempo e pesos en atravesar o Monumento ao Centralismo para discutir cun censor se -por exemplo- a frase grosa “O amor verdadeiro é o que entra polo mexadeiro” podía condenar un texto ao esquecemento…
Casares e Villalaín teñen unha ocasión de ouro, que saberán aproveitar: cando a editorial que rexen fai cincuenta anos de vida, debe aflorar a súa intrahistoria.
Se precisan axuda, xa saben: a mandar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/12/1999]

Share