Homopais (A voapluma, 19/12/1999)

A homosexualidade é algo natural. Nada de vicio, e moito menos punible cos procedementos retratados nun documento do século XVII español: “En aquel tiempo fue cogido un gran enxambre de putos o arisméticos, y todos fueron ahorcados según costumbre”.
Cadaquén co seu sexo, como os animais, que abonda andar a cabalo entre grandes manadas de bovinos para logo ir atopando un de cada mil que, macho pola morfoloxía, sen embargo déixase montar, mesmo que iso lle produza úlceras naquela parte.
Ora ben, o de vivir cada persoa ao seu xeito comeza xa a reclamar os versos xeniais do tango Cambalache, cando remata o século XX “problemático y febril”:
Que un par de nachos -parella homosexual- se arranxen para que o esperma de un (¿ou dos dous?) fecunde óvulos dunha muller e, logo de fecundados, eses óvulos, ou óvulo dividido, aniñen no útero doutra muller que paira xemelgos, e que eses meniños pasen a ser fillos da parella de homes aparentes… ¡manda truco!
Desque hai xente no mundo, as familias foron feitas por varóns e femias, na máis sinxela das heterosexualidades, e quizais por iso os rapaces foron saíndo axeitados, ¿ou logo non?
Ben. Pero neste mundo de xente sen fillos non todo vai ser o anormal (os homosexuais, aínda que naturais, son anormais por minoritarios). Tamén hai mozas solteiras que con ledicia teñen xemelgos, froito dun amor sen precaucións.
E esas historias poden acabar en que o pai dos cativos, ao velos, decida casar e crialos. O cal anima a seguir crendo na Humanidade.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/12/1999]

Share