2000/3000 (A voapluma, 18/12/1999)

Era noite morriñenta, con ameaza de chuvisca. Recollín a Fernando Pardo no hotel Atlántico da Coruña e fomos cear nun restaurante que moito nos gusta: La Penela. Escollemos menú sinxelo —empanada de bacallao, tortilla e carne asada— e Fernando, enxeñeiro, músico, golfista, navegante, criador de riojas…, mandou traer un viño tinto de Navarra por non termos ao noso dispor unha peculiar mencía.
Os manxares foron como esperabamos, sinxelamente deliciosos —unha delicia na súa sinxeleza— e o viño mostrou un toque anisado difícil de esquecer. Era un acerto, que compensaba a pena por non podermos cumprir o máis sagrado dos nosos deberes: o que obriga, desde o día da xura, a bebermos e defendermos os viños galegos.
Durante a cea mantivemos unha conversa breve e divertida coa dona da casa e nela saiu a cuestión da idade, e da súa relatividade. Pardo citou un libro de ficción científica no que se asegura que polo ano 2070 xa se terá conseguido a inmortalidade, rematando o comentario tristoñamente, cun “pero daquela eu xa non estarei”. E nós, a señora e eu, calamos, tamén tristoños, incapaces de aceptarmos a tristura de non sermos eternos, cando a vida é o único que se sente…
Acabo de recibir un cartón da Irmandade dos Vinhos Galegos, da que Fernando e eu somos cabaleiros confirmados polo Roi Xordo, noso señor Manuel María da Poesía. O cartón reza “¡Sursum corda! Feliz 2000/3000”.
A resposta da nosa confraría é —con perdón dos latinistas— “¡Habemus ad vino!”.
Esperemos que no 3000 así sigan respondendo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/12/1999]

Share