Commerx 99 (A voapluma, 17/12/1999)

Durante tres días veuse reunir no pazo de congresos da Coruña un conxunto de persoas que teñen algo a dicir en relación ao que chamamos abreviada e empobrecedoramente “comercio electrónico”.
Con xeral indiferencia dos que quedaban pola rúa, andouse a tratar do que vén mudando a vida de todos desde hai un par de lustros.
Porque desde haberá uns vinte anos diferentes grupos industriais levan a cabo todas as transacción relativas ao comercio por vía telemática, de ordenador a ordenador. De feito, a fábrica da PSA en Vigo quita de liña de producción un coche cada corenta e cinco segundos sen ter que trocar un papel cos seus subministradores.
E, aínda máis, agora, gracias á interrede de todos, os coches mesmo sairán de fábrica feitos á medida do comprador, que se pode relacionar co fabricante (de novo, ordenador a ordenador) para a escolla das características do seu soño rodado…
O Commerx 99, de tan latino nome, conseguiu reunir baixo a batuta —ou variña máxica— do profesor Anxo Viña o mellor de cada casa, e gracias a iso chegouse a oír e ver a realidade que xa case tocan adeptos e indiferentes.
Esa foi a cara linda do encontro técnico da Coruña. A cara fea é a expresión anglocastrapenta en que se produciron os discursos. Nunca se viu tan claro ata que punto España non só non inventa nada material e práctico senón que nin sequera discorre as palabras con que expresar de xeito intelixible o que inventan os ianquis.
E as citas doutras linguas son coma o perfume: poucas cheiran ben. Moitas, feden.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/12/1999]

Share