O Cuqui (A voapluma, 16/12/1999)

De súpeto todo é “Cuqui”, cando ata hai pouco era Xosé Manuel Silva, alto funcionario da Unión Europea. Pero un corresponsal galego en Bruxelas observou como el se deixa chamar polos amigos e puxo na prensa o de “Cuqui”, que é ben vello.
Agora, logo do nomeamento, a corrente do río vai chea. Aproveitándoa, os políticos desta provincia extrema -do imperio que se goberna desde a cidade de brétema fina e mexillóns insípidos- han de empezar a falar de “Cuqui” como se con iso xa pertencesen ao círculo dos íntimos.
Pero quizais lles cumprisen certas prudencias. Repasemos unha anécdota:
Xosé Manuel Silva foi convidado a coñecer a Semana Verde de Silleda, instalacións de estrea.
Entraba no recinto cunha grande garda pretoriana da capital da provincia -Compostela- e da delegación do imperio -Madrid-, cando descubriu entre o público un compañeiro de sempre.
Chamouno polo alcume -“Alcalino”- e fixo parar a comitiva para falaren. Logo de cruzadas catro frases sobre mulleres e fillos, debeu caer na conta do espectáculo feiral que se abría aos seus ollos, exclamou “¡Oh, Tännhauser!” e botou a rir. Entre os que seguían non houbo reacción.
O amigo riu con el e continuaron baixando as escadas de acceso. E, coma quen que non facía nada, o Cuqui ergueu a voz para que o oísen ben os acompañantes: “Cando quero ver boa ópera, vou a Londres”. Naquelas caras tampouco houbo acenos de intelección…
Din que estilo é capacidade de suxerir. Quizais por esa capacidade chegou o Silva a director xeral da UE, sutilmente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/12/1999]

Share