Linux (A voapluma, 14/12/1999)

O profesor Manuel Rodrigues Lapa, que nos honrou coa súa amizade a moitos (velaí as cinco mil cartas que gardou) recibía os hóspedes na quinta de Anadía e con eles falaba sempre a preguntar, esperando de cadaquén unha visión dos “problemas” en que facía traballar a mente.
Morreu envexablemente vello e ata os tempos derradeiros mantívose lúcido, ben distante da descrición de ancián que deixou Erasmo no Eloxio da Loucura. Preguntado pola saúde de corpo e espírito, o profesor respondía que se mantiña ben, “graças aos alunos” —discípulos que, mesmo xa avós, viñan discutir con el ao seu retiro…
Quen isto escribe dá clases nunha facultade; e goza a relación cos rapaces, porque, entre moitos, sempre xorde o brillo da intelixencia —por veces superior, coma a dun que no pasado curso mereceu a máxima calificación malia atender ás explicacións na aula “multiplexando”: mentres se dedicaba a facer programas de ordenador.
Os estudiantes, libres de prexuízos, son unha masa en continua reacción, sempre disposta a dar resultados aproveitables.
E o máis curioso é como se manifesta. Para iso non hai mellor taboleiro cá porta dun retrete: alén das grosería normais, de súpeto xorde a moxena do talento nun letreiriño. Por exemplo, “Redime os teu pecados: instala Linux”.
Linux é o sistema operativo que un mozo finlandés inventou e puxo na interrede, gratuítamente, para desafío do oligopolio ianqui da programación.
Disque non vai haber ordenador no mundo que se lle resista. E quizais foi unha idea defecatoria.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/12/1999]

Share