Pendentes (A voapluma, 13/12/1999)

Río Gallegos está onde a terra firme americana vai acabando polo Sur, antes da Terra do Lume. Alí, nunha praia desolada, permanecen os restos dun veleiro, casco e mastreación de ferro. Foi un carboeiro que facía ruta polo cabo de Hornos (non dos Fornos, como algún hiperenxebriza) e tivo a fin neses mares imposibles.
Din os mariños que chegar ao Golfo de San Jorge, por onde a Patagonia se estreita, é proba de mar suficiente; e un navegante de Corrubedo —con infinitas singraduras por todos os oceanos— asegura que, alcanzados aos Corenta Ruxentes patagónicos, sábese da tripulación os que son galegos, porque non choran.
Hoxe andan a motor os galegos polo Mar Austral, ao peixe, entre vagallóns encapelados e escumas con que un vento feroz azouta persoas e naves.
Tempos atrás (os restos de Río Gallegos son de comezos deste século que acaba), polos mesmos mares aínda se pasaba a vela, e consta entre as epopeas náuticas a dos clippers, navíos cunha arboradura e un velame que causan espanto.
Aqueles homes que avanzaban sobre as ondas a forza de vento, pano e corda, procuraban a volta de Hornos por lles ser máis doado o manexo dos buques que se tentasen navegar polo Estreito de Magalhães ou polo Canal de Beagle.
E os que dobraban o cabo adquirían dereito de levaren pendente: brinco de ouro na orella —alén de non se teren que descubrir diante de El-Rei…
Hoxe, calquera rapazolo partidario do piercing leva un ariño dourado na orella. E o peor é que non sabe canto custaba levalo en tempos do seu bisavó.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/12/1999]

Share