Franjo Tudjman (A voapluma, 12/12/1999)

As imaxes últimas do presidente da república de Croacia mostraban un corpo de movementos escasos e un rostro marcado polo roemento, quizais dun cancro feroz a invadir o seu organismo.
O silencio —soviético— sobre as doenzas dos mandatarios fai pensar na debilidade do sistema político sobre o que mandan. Cando o sistema é firme, os mecanismos substitutorios funcionan e ninguén teme o pasamento do xefe supremo. Outra cousa é facer publicidade da visita esperada da Parca…
Desde a distancia, no espacio e no tempo, a Croacia xorde como un elemento máis de dúbida e sospeita nese quebracabezas que montou Josip Broz —alias Tito— e, queréndoo deixar “atado y bien atado” (como outro coñecido dictador quería), sen embargo, non foi así.
Hai sete anos, trescentos escritores de todo o mundo congregáronse en Dovrovnik, cidade croata declarada patrimonio da Humanidade e, malia iso, rebentada pola artillería serbia. Membros do Pen Club Internacional ían coñecer o desastre, e houberon de ser retirados en barco á illa de Hvar por medo a un novo bombardeo.
Nun mosteiro —católico, necesariamente— de Hvar encontráronse con Franjo Tudjman, escritor e membro do Pen. Era un tipo vigoroso, políglota. En inglés ben manexado deu discurso político-literario; e abriu coloquio, do que tantos curiosos, fabuladores, non deron quitado a principal aclaración: de quen era a culpa da guerra entre católicos e ortodoxos, eslavos da mesma fala.
Daquela Tudjman non nolo aclarou. E agora xa non está para máis preguntas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/12/1999]

Share