Prostipoli (A voapluma, 11/12/1999)

Un escritor galego, de peso e vulto (pola obra, non polo físico), recoñecido alén das fronteiras da galeguidade, andou a preparar unha novela sobre os prostíbulos e houbo de aturar moitas historias vividas neles, que conta cargadas de humor.
Pero non tivo a sorte de, entre elas, atopar a da moza que vendía capacidades de muller na flor da vida nun negocio castigado pola lei —sendo ela, de profesión primeira, represora do crime; ou sexa: policía.
O caso da garda civil expulsa do corpo armado por exercer a prostitución é unha marabilla desde o punto de vista da narrativa realista —docudrama ou docunovela— tan na moda hoxe.
Seica a Garda Civil ten persoal secretamente metido nos submundos da droga, a facerse pasar por delincuentes para obter información. Se cadra tamén o ten na eterna compra-venda do amor carnal; mais, ao parecer, a rapaza expulsa actuaba nese escenario pola súa conta.
Se non, nada xustificaría a expulsión…
Se en España houbese unha industria cinematográfica coma a ianqui, inmediatamente se tería feito unha película, con mostra de motivacións da protagonista como déficit de cariño materno, abusos sexuais paternos, etcétera.
Aínda que, sendo español, o guión podería incluír algo máis salpementado: o caso dun lupanar elegantón, no que homes podentes, avisados pola madama da personalidade da pupila, fosen vingarse en carne louzá da retirada do carné de conducir á saída dun xantar de negocios regado con bos viños.
É doado imaxinar o éxito, en versións de cinema e vídeo caseiro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/12/1999]

Share