Déficit (A voapluma, 10/12/1999)

Lembro que, no Preuniversitario, Camilo Molíns díxome que ía estudiar Telecomunicacións. E non sei se el lembrará o que lle dixen: “Non quero estudiar para andar cunha escada ao lombo reparando liñas de teléfono”.
Erradamente, iniciei tres carreiras ata que me vencín á atracción da que remataría: veciña da facultade onde estudiaba, estaba a escola de Telecomunicacións e unha exposición nela fíxome entender que telecomunicar é cumprir coa nobre teima humana de expandirmos as capacidades de chegar coa palabra e a idea a todos os habitantes do Globo.
Desde aquela fun vocacional, con orgullo. Representante dos meus compañeiros durante máis de vinte anos, sempre trouxen comigo a preocupación de que non faltase choio para nós.
Pero hoxe a preocupación é a de que non nos sobre choio de máis.
Os estudios máis serios e contrastados demostran que na Unión Europea hai un déficit do 5% de técnicos das tecnoloxías da información e a comunicación. E que o déficit terá aumentado ata o 20% a fins do 2002.
A razón para este fenómeno encóntrase, principalmente, na viraxe dos sistemas telemáticos cara ao que vulgar e incorrectamente se chama Internet.
Para diminuír o déficit, pénsase na reciclaxe de persoal con formación afín á informatica e ás telecomunicacións (engadindo en España o reenganche dos prexubilados da profesión). Aínda máis, fálase de traer persoal de Rusia e da India (para España, de Cuba)…
No entanto, á espera de xente formada, Europa vive baixo unha grave ameaza de “paralización neuronal”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/12/1999]

Share