Docudrama (A voapluma, 08/12/1999)

Seguindo na liña do anterior artigo, e desculpándome ante boa parte dos pacientes lectores, véxome na necesidade de esclarecer para outros o que segue:
A realidade é algo non absoluto, e para chegar a formar concepto acertado dos sucesos cómpre obter a información de distintas fontes, armala e recompola. Nun labor exhaustivo, xornalistas, investigadores policiais, científicos e técnicos chegan a conclusións propias, que gardan ou ofrecen aos demais cos seus códigos de transmisión.
O cronista, sen embargo, móvese entre o máis próximo á realidade obxectiva, contrastada, e unha representación do que podería ter sido real e casualmente non o foi. Da crónica á ficción poida que haxa pasos intermedios —pero o lector ten potestade para aceptar o lido en ton de ficción como “aparentemente certo” ou rexeitalo por non crible nin en fantasía.
Aínda máis: o acerto do narrador é conseguir deseñar personaxes con fondo de circunstancias que sexan “virtualmente reais”.
Isto vén ao conto de que nos últimos días se dirixiron a min varios lectores preguntando pola personalidade exacta dalgún personaxe suxerido nas liñas que o señor director deste xornal me permite escribir.
Serán, ou non, quen supoñen, ou partes deles; e permítanme unha anécdota: seica un sabio local dedicouse a identificar personaxes dunha novela (que transcorre no Ferrol do século XVIII) con persoas hoxe vivas… e chegou a acusar o autor de desconsiderado porque non o fixera aparecer a el na ficción.
A vida, señores, élles un docudrama.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/12/1999]

Share