O golf (A voapluma, 07/12/1999)

Cando El Ideal Gallego comezou a publicar artigos da miña autoría, alá polo ano 1971 se as hemerotecas non minten, nunca pensei que chegaría a escribir miles de breves en diversos medios; e menos (a vida por veces ten os seus ensinamentos) que un artiguiño diario, feito a voapluma, chegase a ter tantos lectores e a levantar tanto comentario.
Pero velas aí: chamadas por teléfono, cartas e notas na caixa de correo electrónico -algunha poetiquísima, mesmo difícil de descifrar; outras, faltas de humor.
Ata me parou na rúa un señor descoñecido para me botar un roñazo: como me atrevía a dicir que o fútbol é unha mazada…
Na Zapateira coruñesa hai un club de golf que é unha beleza; e tempos atrás era público o camiño que o atravesa. Un dos praceres de día claro era ir de paseo a cabalo por alí, vendo fulxir o sol no espello verde dos lawns e saudando amigos.
Eu nunca xogaría ao golf porque tamén me aborrece, como o fútbol, e así llelo digo aos que me convidan a unirme á súa práctica.
En certa ocasión, cabalgando pola Zapateira vin o Henrique Sáez Ponte e achegueime onda el e outros colegas seus, todos concentrados na pancada precisa á boliña.
No momento en que se desconcentraron, díxenlle ao Henrique: “Non comprendo como un home intelixente coma ti pode perder o tempo batendo cun pau nunha bola”. El ollou cara á miña altura de cabaleiro e respondeu: “Nin eu como un artista sensible coma ti pode andar escravizando un animal tan lido”.
Rímonos todos e seguimos tan amigos como sempre.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/12/1999]

Share