A libra (A voapluma, 06/12/1999)

Volviamos xuntos de Dover; no máis sólido do centro de Londres tiñámonos que despedir e coido que ningún dos dous desexaría a soidade a que nos abocaba a despedida: cuarto de hotel e documentos de traballo para as xuntanzas do seguinte día, cadaquén a súa.
Se cadra por iso decidimos camiñar un pedazo. Ao longo do paseo comenteille ao Paco –Francisco López Peña– que os ingleses sempre me pareceran como unha fera poderosa -algo entre león e elefante- no seu declínio. E mesmo que non entendía como aínda se podían considerar país nun mundo onde ianquis e alemáns son todo.
Paco, economista, deume unha explicación sinxela: “Porque tiveron moito e aínda lles queda”. Certamente, ollando a capital do maior imperio que na Historia houbo, non fican dúbidas: quen tivo, retivo…
Andan estes días os británicos cos seus separatismos europeos e un acaba por coñecer cousas deles que serían para andarmos de chanza se non fosen serias: convencidos de seren algo especial, pertencen á Comunidade Europea pero non cambian de moeda. As grandes corporacións da City insisten na necesidade de que se admita o euro dentro dos territorios da Súa Británica Maxestade pero a xente non quere abandonar os vellos costumes, agárrase á moeda que ten séculos de historia con moita máis forza que á bandeira.
E non é de estrañar ese nacionalismo monetario. Hai só décadas a libra de ouro era iso: ouro para gardar en cofre, a moeda-patrón do mundo. Tan importante que mesmo a usaban, sen falsificar, os seus inimigos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/12/1999]

Share