Bascos (A voapluma, 05/12/1999)

Os filólogos din que, co seu aporte, a lingua que chamamos castelán adquiriu orixinalidades; e, de feito, eles saben dominala, mellor ca galegos ou cataláns.
Os historiadores aseguran que foron grandes guerreiros ao servicio da Castela. Co pendón do reino central en alto axudaron a someter tribos americanas. Os seus apelidos inzan as repúblicas irmás da Madre Patria. Nalgunha delas é timbre de orgullo ser “vasco”. Forman parte do folclore —e das oligarquías.
Os mariños que saben de Historia aseguran que España lles debe moito, da arte de navegar, e da valentía que fixo descubrir novos mundos e permitiu demostrar que “poder naval é poder mundial”. Rutas e batallas sobre as ondas ficaron asociadas a palabras —de novo apelidos— que só poden ter orixe na súa fala única.
En Literatura, que sempre fai pobo (ou o deseña se non o inventa), demostraron o moito que a Castela lles debe e deberá.
Nunca tiveron reino propio, como os galegos; nin sequera sociedade de tribos completa. Nin goberno de seu ata as autonomías deste século: tímida a republicana e poderosa a monárquica.
Non pertencen como os fillos de Breogán a unha “etnia” capaz de definir nun concepto —como a saudade— a súa pertenza a unha comunidade intercontinental de pobos.
Foron conquistadores, colonos e misioneiros, puxeron os alicerces dunha civilización chamada hispánica e agora non queren seguir.
Daquela, que se vaian, coa súa quimera territorial ao lombo. Adeus, que a guerra é cara de máis…
O drama é que non todos se queren ir.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/12/1999]

Share