Mulleriñas (A voapluma, 04/12/1999)

No fondo é unha cuestión de peso, e de adestramento. Ao naceren, os nenos pesan máis cás nenas. Cando meniños non importa moito, pero logo comezan a salientar os varóns: son meirandes e máis agresivos.
Os cativos andan á espreita, buscando o momento de provocar, pelexar. As cativas póñense á defensa. Só baten cando lles baten, e arrañan cando lles tiran dos pelos.
Ao medraren, eles inclínanse pola violencia no exercicio; elas, pola harmonía. E na pubertade logo se impón a marca da especie: de media, os rapaces son definitivamente máis pesados cás mociñas. Súperanas en óso e músculo, en potencia.
Dunha parella “normal”, centrada no estatístico, o home pesará un trinta por cento máis cá muller; non é raro o cincuenta; e danse casos dabondo de superar no cen por cen.
De aí a facilidade para a violencia: a un varón élle doado abusar. E as razóns para facelo pódense atopar no mal perder con que se educan os rapaces: chegados a unha altura da vida, os homes xa non resolven a pelexa lambendo os cotenos mancados ou apretando o nariz que sangra.
Perden en serio -negocios, choios, ilusións-. Volven para a casa esmagados, cargados de rancor. Daquela crúzaselles a mulleriña con calquera xesto desamoroso… e a malleira é tentación inevitable. Cando pequenos, tiñan un can para a patada oportuna. De grandes, a muller…
O devandito non é miseria exclusiva de civilización monógama. Os cautivos dos indios americanos contaban como os caciques derrotados pagaban os seus fracasos nos lombos das -varias- esposas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/12/1999]

Share