Teleestafa (A voapluma, 03/12/1999)

De súpeto as primeiras páxinas dos xornais énchense cunha noticia telemática: a bolsa treme toda por conta dun novo negocio, ¡Terra! As accións da empresa, que vai dar servicios de Internet, atinxen valores propios de febre do ouro. Nunha xornada, os donos delas fanse ricos para sempre. E corre a receita coma fogo de pólvora: metamos cartos no negocio da rede…
Pasada a quentura do momento, a realidade non gusta. Sinxelamente, abonda con pórse diante do ordenador, dixitar o enderezo dun determinado servidor de páxinas web e… esperar. Hai tempo para esquecer o asunto, dedicarse a outros. Con sorte, irase enchendo a pantalla. Pero poida que a sorte sexa pouca e acabemos por renunciar.
Hoxe, vender servicio de Internet é vender aire, ilusión, aposta polo que é imparable -non realidade útil, tanxible.
O concepto da interrede acompaña unha das máximas aspiracións humanas: a da fabulación universal. Pero, precisamente por iso, frustra cando non corresponde ás promesas de acceder a canta información se imaxina, e de ofrecer a propia creatividade ao mundo enteiro.
Contra esa frustración, a clave está en dar “capacidade de comunicación” suficiente a cada un dos conectados, como se dá caudal de auga ou potencia eléctrica. E, para iso, non vai chegar co que prometen os novos sistemas de comunicación entre a casa -ou a empresa- e o fornecedor do servicio de interrede.
Cómpre facer algo máis, que todos os fornecedores calan. Algo que, mentres non se faga, converte as súas teleofertas en teleestafas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/12/1999]

Share

One Comment

Comments are closed.