Lendoiro (A voapluma, 02/12/1999)

O “affaire Lendoiro” levou a que me reñese Xosé Luís Gómez (socio do Dépor), en canto Xulia Díaz concordaba coas miñas opinións, pero, contodo, se unía ao Gómez par cualificarme de esaxerado.
Vaia por diante que nesta feira da vida -contada por cadaquén como nela lle foi- cómpreme declarar que do señor Lendoiro sempre recibín trato cordial…
Pero é que o asunto non é personalizable: se non fose con el, sería con outro. A cuestión está en que considero unha tolería pagar a un presidente de empresa de fútbol dez veces o que cobra un catedrático de universidade, e dúas -ou máis- un directivo de empresa de veras equivalente en responsabilidade: a de facturar e cobrar tanto coma o Deportivo.
Para min o fútbol é o que outros pensan e non din. Vexamos:
Xogo repetitivo e infantil, aborrecedor como todo o que fan os cativos. Pallasada colectiva, con bandeiras, pintarraxos, berros e fogueterío (e asasinatos). Instrumento de desvío da crítica cidadá. Xeito falso de forzar o espírito da tribo: importando estranxeiros…
Hai pobos serios, que sempre inventaron, para os que investigadores e industriais innovadores son obxecto de admiración. A eses pobos aínda se lles pode perdoar o manexo de masas desprezadas polas elites gobernantes (aínda que, de cando en cando, os hooligans lles fagan falcatruadas de vulto). Pero en España chove sobre mollado: era mellor non sabermos o pouco que se paga a intelixencia.
O fútbol, señores lexisladores, non é unha industria productiva, senón corruptiva.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/12/1999]

Share