O Nadal (A voapluma, 01/12/1999)

Arteixo: Morás, Canzobre, Loureda, Ervedíns… Un vento universal, que todo envolve, rexea as mans sobre as rédeas que manteñen a besta nun galopiño miúdo. Caíu a invernía con forza e os cascos das cabalgaduras dan un bater rombo sobre a manta de follas desprendidas das castiñeiras. A paisaxe é gris de ceo, verdinegra e de bosque con manchas ocres, verde clara de herbais que conservan un vago zume, resto do outono.
No medio dun camiño de carro, entre rodeiras con historia, xorde a marca do xabarín que os cazadores non verán, por andaren a pé, a modo, a rente do chan -non coa lixeireza e desde as alturas dun xinete.
Os cazadores son inimigos dos paseos a cabalo: como se houbese caza para todos, disparan escopetas contaminadoras -de boliñas de chumbo que engolen as alimarias- cara ás cousas máis raras. E asustan as cabalerías, gratuítamente. Son peores cós moteiros co seu barullo peidorrento…
O xabarín fozaba á procura de xuncias, que teñen unha ceboleta cristalina; e cando o porco bravo roe nelas, chegou o inverno.
Na Coruña, tamén: os grandes almacéns estouran de mercadorías dispostas para o Nadal, festa que outrora foi española, católica e recollida -e agora é anglosaxona, papanoélica e estrondosa.
Xa están as grinaldas colocadas e os altoparlantes anuncian a inauguración da “portada natalicia”, con brinde de cava -polo negocio que van facer os patrocinadores.
O anuncio acaba cunha orixinalidade: “Venga a disfrutar la última Navidad del siglo”.
O falar non ten cancelas. E menos para vender.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/12/1999]

Share