Alberto Juffé (A voapluma, 30/11/1999)

Alberto Juffé é porteño, do aluvión arribado ao París do Prata. Non é gallego (español), tano (italiano), nin turco (vasalo dos otomanos). Cadroulle ser ruso (centroeuropeo).
É inmigrante nunha terra de emigrantes ao país de inmigrantes onde naceu, medrou e se formou. Alberto prepara asados con arte crioula e sabe acompañalos dos mellores viños tintos de España (fáltalle coñecer os de Portugal, pero xa lle ensinaremos).
O doutor Juffé ten a condición principal de ser amigo dos amigos, e a secundaria de ser “discreto” no senso clásico: viu mundo dabondo como para tomar a vida con carradas de humor. Eis, logo, polo que os amigos lle queren mesmo que non o traten moito: porque é divertido.
Alberto e Lei, a súa muller, son exemplares claros da maior desgracia da Arxentina, república hispana que “os próceres dos 80” (1880) quixeron facer competidora dos Estados Unidos. Son emigrantes de élite, a países onde realizan as súas vocacións en base e unha formación que non dá hipótese de boa vida na patria de orixe. Arxentina ten moito de madrastra para a ciencia e a técnica. Como España.
Contan dun sabio que un día… España non é o exemplo peor dentro dos mundos aos que nos une a cultura. Éo a Arxentina.
¿Fundación Favaloro en Buenos Aires? Si, pero Alberto e o seu equipo xa fixeron máis de cincocentas intervencións na Coruña. O Juffé, brincallón, di que remexer nos corazóns é técnica doada. Pero non todos a dominan coma el…
Gracias, Alberto, e que os fillos vos casen con xente deste Impaís amado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/11/1999]

Share