Bicos (A voapluma, 29/11/1999)

Nos tempos que alá van, os libros de urbanidade mandaban bicar a man ás señoras, o que se foi abandonando por novas formas de saudarse.
Os saúdos son convención que non pasa diso, o convencional. Por exemplo, os rusos bícanse tres veces, ata na boca, aínda que calquera dos parceiros de ósculo logo sexa fusilado por orde do outro.
Os arxentinos varóns tamén se bican. Pero só nunha fazula, e tal fan coas mulleres; e as mulleres entre si: o cal provoca complicacións cos seus veciños brasileiros, que se bican dúas veces, entre macho e femia, ou entre femias, nunca entre machos. Como en España.
Aquí os homes chocan a man e apértanse. As mulleres bícanse e apértanse. Pero xa non se usa o bicamán ás damas e de aí veñen os enguedellos.
Sen bico á man, o normal parece un ponderado apertón de dedos, sobre todo se a que se nos presenta é muller de negocios, colega profesional, funcionaria…
Outra cousa sería a parenta ou amiga -principalmente sendo xeitosa, que nunca podemos esquecer os mandatos de Natura.
Resulta ridículo ter que lle dar dous bicos a unha señora descoñecida, mentres se lle dá a man, gardando distancias, a un compañeiro dela -co mesmo grao de descoñecemento.
A ridículez aumenta co dobre saúdo, cando o varón saudante tende a man, para estreitar a da dona, e esta -¿por submisión “de sexo”?- ofrece as meixelas para ver se con iso se contenta o outro…
En fin, propoñamos un pacto: igualdade para todos. Non aos dous bicos ás recén presentadas (e menos se van encremadas e un leva gafas).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/11/1999]

Share