A Granada (A voapluma, 28/11/1999)

España, é tres cidades: Santiago, Toledo e Granada, síntese histórica do noso eterno quero e non podo.
As distancias de Santiago a Toledo e a Granada superan con moito as da Coruña a La Habana, Río ou Buenos Aires. Das Mariñas coruñesas ás Alpuxarras granadinas non hai distancias: hai unha diferencia de mundos insalvable. Non a salva nin a lingua franca, a da Castela conquistadora…
Leyma. Todos choran hoxe porque Leyma foi tomada polos infieis do último reducto da mourería, e aqueles -casteláns de cultura, amolecidos pola lírica de Al-Andalus que soñou don Álvaro Cunqueiro- pasan factura: galegos, se perdestes, agora, camiño do desterro.
Non camiño da repoboación que fixo ás Alpuxarras tomaren nomes como Capileira, Pampaneira etcétera. Non, que hoxe non se emigra; que en Galicia se vive tan ben como nunca se vivirá na Andalucía. Porque, segundo Celso Emilio Ferreiro, o país bretemoso produce trescentas romerías de San Roque ao ano. E ten peixes e mariscos que nunca haberá no Mediterráneo esgotado da Costa do Sol; e carnes de soño (para quen non coñece as arxentinas); e viños que nunca darán feito os descendentes dos muladís e os mozárabes (porque dos árabes serían poucos)…
Boabdil seica era loiro e de ollos claros, que deitaron auga en lugar fermoso, ¡oh, bela Granada! Alí, a mai díxolle que chorase como muller xa que non fora capaz de defender o seu reino como varón.
E os granadinos dirán aos de Leyma: chorade como galegos xa que non fostes capaces de defenderdes o voso leite como cataláns.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/11/1999]

Share