Cervo (A voapluma, 27/11/1999)

Cervo, lugar de venatorio nome. Serxio Blas, que manda moito en Celeiro, xunta na casa familiar un grupo de armadores, economistas e enxeñeiros. Suxeito dinámico onde os haxa, vive co corazón dividido entre as Américas e a patria primeira, con minas de caolín no monte e unha vella tradición productiva, imposta por un Ibáñez odiado polos que vían herexía na industria.
Dez homes xuntos, un obxectivo final: facer país para que todos os seus habitantes vivan satisfeitos. E o país é unha beleza merecente: atrás ficara Ferrol con ría de mercurio e os estaleiros poderosos; e ficou Ortigueira, ría turquesa quebrada polas faixas de escuma das rompentes e unha illa de verde-chumbo, eucalíptica; e o Barqueiro, chamando ao misterio mariño que se albisca alén do cabo final…, paisaxes presididas por unha lexión de defensores da técnica que don Quixote non daría soñado. Sobre os cordais, brancos e maxestosos, os muíños de vento proclaman o maior orgullo da especie humana: a súa capacidade para domear a Natureza.
Cervo. As conversas, baixo o obxectivo común, corren sobre asuntos relacionados coas tecnoloxías da información.
Outrora un barco era algo poético, de madeira, corda e lona, a penas cun compás para saber do Norte. Homes de valentía incrible botaban as redes e agardaban a vontade do mar, señor absoluto. Hoxe un buque é unha plataforma chea de mecanismos e instrumentos. Hai moito que investigar, aplicar, desenvolver, fabricar.
E o curioso é que Galicia, aínda que non o crea, pode facelo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/11/1999]

Share