Coca (A voapluma, 26/11/1999)

Aumenta o consumo da dama branca, do fino pó que dá azos e fai ver a vida coloridamente. Os que a usan acaban abusando: non teñen consciencia da súa dependencia. E fano por gusto, por pracer, por sentiren con máis forza a felicidade atroz e veloz da vida que se queima.
Chámanlle cocaína. Pero hai coca, en folla. Os milicos deixan levar medio quilo dela nunha bolsiña. Véndena unhas mullerechas con saia pollera e sombreiriño de fungo.
Esas mulleres cobrizas levan fillos de cobre ao lombo, envoltos en panos grandes con tantas cores coma o resto da roupaxe con que burlan o frío. Chámanlles “guaguas” e danlles todo o cariño de que son capaces os kollas de varias patrias oficiais e un só país propio: o Altiplano.
Os kollas viven nas alturas e chámanlle ao avión latakuntur, ou sexa: cóndor de lata. Son labradores, pastores, mineiros e arrieiros. Cruzan os Andes con reatas de llamas e burricos, e sofren o “vento branco”, pó de neve que cega e fai tolear, morrer.
Eles necesitan coca, follas verdes, redondiñas, coas que se fai un bolo na boca, o acullico. Mastígase suavemente, insalívase e así vaise resistindo a hipoxia, a falta de oxíxeno das alturas.
Cara aos catro mil metros o viaxeiro non pode respirar sen coca. Cómpraa e bótalle bicarbonato para que faga máis efecto, mentres os paisanos lle botan cinza. É algo necesario, natural, folla coa que fan ofrendas a Pacha Mama, a Mai Terra: vida que non se imaxina nos parties.
Se os cocainómanos honrados viaxasen ao Alto Perú, moitas vontades mudarían.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/11/1999]

Share