Lasa e Zabala (A voapluma, 25/11/1999)

Fartos de tanto problema basco, de tanto oír Euskadi contra España, ás veces non nos paramos en detalles da intrahistoria do que está a suceder cos desa tribo, que de ningunha das nosas son porque non queren.
Pero hai historia dentro do que reflicten hemerotecas e videotecas. Tal, “o caso Lasa e Zabala” (por orde alfabética), que se debe ao celo dun profesional. Pola súa oportuna intervención sospeitamos canta brutalidade se ocultou tras duns restos de corpos humanos, de varóns novos.
Casualmente, un día ollei na televisión un señor xa entrado en anos que, desde Alacante, daba certas explicacións. Lembroume alguén ben coñecido, veciño por sinal, amigo do meu pai. E o nome non deixaba lugar ás dúbidas: Antonio Bru Brotóns.
Antonio era o marido de Carmina, e o pai de Carminita; e doutros nenos que foron nacendo en Ferrol, un dos cales (¿unha cativa?) estivera moi enfermiña, e non sei se mesmo morreu (Gloria haxa, a coitada, se así foi). Eramos pequenos da Praza de España de Ferrol, en tempos sen caudillo a cabalo.
Antonio, alacantino, estreouse de forense na cidade departamental, e nas moitas aldeas da contorna, logo de que rematase a guerrilla entre gardas civís e fuxidos que outros forenses aturaran. Con todo, debeu ver moito cadáver, esganados e afogados a mazo.
Dura profesión. E ollo de experiencia: Antonio Bru calibrou que aqueles restos tiñan… algo. E mandou gardalos para posterior estudio.
Agora sabemos que os restos mortais de Lasa e Zabala tiñan historia. De España.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/11/1999]

Share