Johnny (A voapluma, 23/11/1999)

Abriu a mañá logo da chuvia, saín polos montes de Arteixo a cabalo e de tal guisa atopei o Waldo Felípez, señor da herdade dos Laranxos.
Puxémonos parellos e falamos. Waldo sempre andou entre bestas, ás que lles ten amor, e coñeceu vellos como o señor Calán, que todo sabía das formas, músculos e osamenta de asnos e equinos.
Neste falar de animais entramos nos cans, tamén do noso agarimo, e contou o Felípez o caso do Johnny, cadelo fiel do Calán.
Seica o vello vivía só, porque os fillos, seguindo a desgracia maior de Galicia, emigraran para lonxe. E deuse a circunstancia de morrer o patrón e haber que lle dar terra cristiá -cal se fixo, cunha peculiaridade:
Estaba o defunto no cadaleito e os veciños de velorio cando se presentou a parentela emigrada. E, como viran o Johnny a pé do amo, botárono do cuarto por lles parecer inconveniente.
Levouse despois o corpo ao cemiterio e o can veu todo o camiño a carón do crego, sen o evitaren as patadas dos que consideraban aquilo impertinencia en tal momento.
Rematado o enterro, desfíxose o cortexo -grande, como cumpría a tratante de sona- e o can ficou a pé da cova. Chamárono os veciños pero non os quixo seguir.
Falado o caso na aldea, decidiuse que, se Johnny non quería saír do seu recanto mortuorio, alomenos se lle levase algo de mantenza, ata que esquecese a morte.
Pero o can non quixo comer. Só bebeu auga. E morreu aos sete días…
Chamábase Johnny porque o señor Calán gustaba das películas de vaqueiros, e moitísimo da balada de Johnny Guitar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/11/1999]

Share