Ternera Gallega (A voapluma, 22/11/1999)

Dez anos de carne garantida de orixe. Carne de cuxos alimentados con leite das súas ubérrimas proxenitoras e racións de cereal, hipermantidos, sacrificados cando apenas deixaron de ser mamóns -que producen unha cantidade de carne sorprendentemente pequena para quen coñece os tamaños das “medias reses” dos grandes países productores.
Ternera Gallega é denominación castelá porque se fose Vitela Galega só se entendería en Portugal e Brasil. O termo verdadeiramente galego é descoñecido aquí: unha desgracia máis do Impaís…
O 35% dos españois encuestados responden que a mellor carne é a de Galicia. Por iso, Maximino Viaño quere defender a vitela dos gandeiros socios ao punto de que, no seu día, propuxo desenvolver un “procedemento de trazabilidade”, ou sexa: para seguir os cortes de Ternera Gallega que chegan ao supermercado ata o becerro do que saíran.
E fai ben. Pero, para quen comeu carne das pampas gloriosas, a vitela galega non paga a pena de tantos traballos: é cara, dura e insípida…
Lugar de Pontevedra, partido de Moreno, provincia de Buenos Aires, por exemplo. Vaian e vexan: o animal que vai ao matadoiro, xa despezado, dá pesos de trescentos quilos, e del quítanse bifes brandos e sabrosísimos.
¿Como pode un “novillo” criado a campo superar en calidade a un cuxelo mamón?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/11/1999]

Share