Cela (A voapluma, 20/11/1999)

Hai días xantei con Cela e de novo gocei da súa compañía, como espero que el gozase da miña. Son moitas as afinidades que temos, moito oficio en común -moito máis o seu có meu.
Entre outras virtudes, o señor Cela Trulock ten humor. Na mesma mesa do restaurante do último xantar, hai xa tempo, tivemos que aturar un sabio a darnos as súas teorías. No entanto, Cela botaba man aos percebes e calaba. Cando o outro se decatou de que xa expuxera canto sabía diante da grande figura, con falsísima modestia díxolle: “Perdoa, pero é que eu falo moito”. Cela, ollouno por cima dos lentes e respondeu: “Non te preocupes, ho. Ti sigue, que, mentres queden percebes…”.
E alén de humor, o meu amigo ten ideas curiosas, coma a de facer un concurso de redacción escolar sobre a calidade. Isto levounos á Fundación de Iria Flavia, onde disfrutamos a inventiva dos nenos, que alí mandaran os traballos -algún ben orixinal, coma o da pícara que aseguraba funcionar a sanidade en Galicia tan ben que aquí ninguén morre, nin de novo nin de vello.
José Luis Cela Trulock é un entusiasta. Barba branca e digna corcova, que chamaremos inclinación cara adiante, márcanlle idade en que os homes ou seguen rexos ou se fan -por convicción- vellos. José Luis é un mozo en anos de ter netos mociños. E con forzas de rapaz impulsa a Asociación Galega para a Calidade, que preside, e na que obriga a participar con verba lúcida, aceda cando convén.
É un grande Cela, enxeñeiro ilustre, descoñecido polo público que quere concienciar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/11/1999]

Share