Democracia ortográfica

A Asociación de Escritoræs en Lingua Galega é unha organización democrática, á que pode pertencer calquera que acreditar obra (non é un club coma o Pen ou, como, no fondo, é a Academia). Representa, con moita diferenza, o maior colectivo de persoas preocupadas pola forma gráfica da lingua.

No pasado setembro realizou o seu VI congreso. Un dos asuntos tratados nel foi a relación da galeguía coa lusofonía. Aí xurdiu a cuestión da escrita do galego. Con tres décadas de uso da grafía que don Ricardo Carballo bautizou como demótica, xa perfectamente codificado o idioma en termos fonéticos e gráficos, ¿non será tempo de que cada escritor use -coherentemente- a norma que considerar máis adecuada?

No grupo de escritores encargados deste aspecto no congreso logo aparecía o concepto de «democracia ortográfica». Nun sistema democrático, ¿como se pode rexeitar unha obra por non estar escrita na grafía «oficial»? Isto ocorre nos concursos literarios e nas editoriais, pois as Administracións marcan camiño coas subvencións a premios e compras para bibliotecas. ¿E debe seguir así? Non, porque couta a liberdade de creación. Do VI congreso saíu un acordo básico: a AELG acollerá textos en calquera grafía no seu espazo da web; e tentará elevar o reclamo de liberdade gráfica a todos os estamentos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/10/2015.]

Share