Cantoautores (A voapluma, 19/11/1999)

Radio 3 de Radio Nacional de España. Programa de música exótica. Unha moza grega de nome Elefteria ergue poderosa voz sobre o oco dun anfiteatro. Ecoa a pedra no silencio nocturno e mediterráneo. Quen escoita, abraiado, cala e sente -sente e cala mesmo que non estea alí nin entenda a lingua da cantoautora.
Se houbese nesta Fisterra Atlántica unha muller con música na víscera e poesía no corazón, con voz e palabras que airear, sen dúbida que algún grego gozaría escoitándoa, aínda que non entendese o latín corrupto por celtas e suevos.
Pero non a hai. Galicia só produce gaiteiras. E gaiteiros…
Este día homenaxearon a Suso Vaamonde. Contra Franco todos estabamos mellor. Suso é cantoautor desde os tempos en que estaba prohibido todo canto non fose “español”: Manolo Escobar e Lola Flores. Daquela cantaban os Voces Ceibes (Suso entre eles), Xoán Rubia e Andrés do Barro. O obxectivo era dobre: cantar e facelo en galego, a contrafío.
Hai trinta anos non había gaiteiras, e os gaiteiros andaban após dos fogueteiros anunciando a festa do patrón en cada parroquia. Hoxe hai inmensas cantidades de tocadores de gaita pero ninguén canta, salvo os maduros. Galicia ten voz vella.
Hase dicir, se cadra, que xa non fai falta chamar a atención cantando porque estamos en democracia. Mais, segundo iso, tampouco habería que escribir.
Quizais, a culpa deste ermo de palabras cantadas sexa da xeración dos cantoautores, que non souberon transmitir aos fillos unha idea sen xeografía nin tempo:
Canto, logo existo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/11/1999]

Share