Radio ingalega (A voapluma, 17/11/1999)

Primeiro foi a celebración dos 75 anos da radiodifusión sonora, que, como todos os inventos modernos, botara a andar nos Estados Unidos. Despois veu a dos setenta e cinco de radio en España e descubrimos que en Galicia son só sesenta e sete…
Haberá uns dez anos, viaxaban en coche por Madrid varios técnicos de radio españois e británicos atentos ás audicións. Nun momento saiu polos altoparlantes o programa de Los 40 principales. Logo de escoitalo un pedazo, un dos británicos preguntou: “¿Is this an English station?”. A pregunta era lóxica: da correspondente emisora só se escoitaba música cantada en inglés.
Ben. Pois despois de sesenta e sete anos de radio en Galicia, calquera que percorra o dial en viaxe desde Ribadeo a Tui ou desde Pedrafita á Fisterra, poderase preguntar se atravesa Galicia ou a Castela. Porque salvo de Radio Galega non hai emisión en cadea feita na lingua patrimonial.
Probablemente ao pobo insensato do Impaís non lle importe moito a cuestión do idioma na radio, pero é deber de quen cre nese medio advertir a quen tente facer país: é un medio inmediato, servido en quente, cuns custos mínimos para elaborar e transmitir mensaxe. As diversas tecnoloxías aplicadas a el conviven, e agora xorde unha mellora máis: a da dixitalización.
As técnicas da radiodifusión serven á palabra. O pensamento prodúcese nun idioma, os sentimentos exprésanse coa fala. Non precisan de intermediario lóxico -papel e tinta, lente e cámara- para se reproduciren.
Velaí a importancia da radio, o porqué de reclamar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/11/1999]

Share