Futbolistas (A voapluma, 16/11/1999)

Mondariz. Hotel balneario, cun pasado que fai pensar: fotos de Primo de Rivera, o dictador, falan dunha España en que ir ás augas era obriga: os pobres, de “mantidos”; os señores, de luxo, comida e baile.
O frío de Mondariz é intenso, húmido, e chama a atención a cantidade de policía a montar vixiancia arredor do edificio do hotel, que loce coma un aviso de civilicación na negrume rural chea de ladridos.
Tanta vixiancia -penso- será consoante coa importancia de hóspedes coma o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Antonio Couceiro, ou o decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación, Enrique Gutiérrez Bueno, aínda que o tamaño dos coches apelotonados á porta do hotel fai sospeitar xuntanza de grandes banqueiros, de albornoz a pé das piscinas termais discutindo o porvir dos cartos.
Pero estou errado: un tipo grandallón tenta estragar o castelán desde o portugués con sotaque brasileiro. Dun corredor xorde unha partida de suxeitos con feitío propio do grande país da mestura e o sincretismo. Xente no hall olla para eles con expresión de abraio: seica son a selección brasileira de fútbol.
Por un esquencemento, saio ao coche e escoito un garda falar con outro en ton de chanza: “O que tiñamos que facer era secuestrar o …inho. Co rescate xa non tiñamos que pasar máis fríos”.
O tal …inho -dinme na cea dos enxeñeiros de telecomunicación- é o fillo dun daqueles mulatos que tiveron a sorte de escaparen da favela.
Diante deles, nin banqueiros nin enxeñeiros. Nin políticos, quizais.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/11/1999]

Share