Alcolemia (A voapluma, 15/11/1999)

Finamente, alcolemia; vulgarmente bebedeira, borracheira, tranca… A unha certa idade, a xente aprende que o viño é un pracer bo, un grande compañeiro de manxares. Considérao como valor principal cando outros van á baixa por culpa da fisioloxía avellada; sabe, tamén, a conveniencia de libar con moderación e airear os efluvios do libado.
Antes, quizais, caera no exceso —ata comprender que o padal se embota, perde sensibilidade cando a cantidade é de máis— e comprobara como a demasía conduce a desastres.
Con todo, hai adultos bebedores sen medida, capaces de provocaren o que se considera só perdoable a rapaces —perdoable e punible, para que coa punición aprendan e corrixan rumbo…
En ilustre comellada recente, con albariños e mencías a regaren froitos de mar e xarretes, escoitouse unha interesante discusión sobre a alcolemia que mide a Garda Civil sen facer distingos, co que un tranquilo “carroza” pode ficar sen carné de conducir por un ano. Os comensais dicían que a lei está mal, como o está a limitación de velocidade por igual para todos os vehículos.
O problema está nos rapaces, que beben á toa e fan atrocidades ao volante. Só os salvan os reflexos. E, como proba, a anécdota do xantar relatado: nun control á saída dunha discoteca, os policías viron con abraio como dun coche á espera de proba desapareceran conductor e acompañante dianteiro, en canto no asento traseiro se apelotonaban dous rapaces e dúas rapazas.
Iso non o farían catro vellos. Por falta, claro, de reflexos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/11/1999]

Share