Angelito

Camiñata de amigos, científicos e xestores de fondos para a investigación. Chegados a un faro, onde os cantís asustan, o Angelito despídese e vai descendendo cara ao mar, coas botellas, o traxe, o escafandro, os chumbos… Despois se xuntaría aos demais nun restaurante.

Xelo, ou Xeluco, podería ser diminutivo para home acorporado. «Angelito», non. De feito é pequeno, e miope: leva lentes graduados no escafandro para explorar costas que adora, para descubrir «bichos incribles» por fragas e prados de algas. Uns amigos fican preocupados pola teima do homiño de ferro. «Tranquilos», insisten os que saben das artes maiores do Ángel, descoñecidas pola xente (de rapaz, seica a mai lle dicía: «¿Non me traerías un robalo grande para a cea?», el aparellábase e viña con dous).

En canto segue o paseo, fálase do mergullador. Alguén arrisca a cifra do que lle ofreceran na Alemaña por dirixir un laboratorio de xenómica: 1 ou 2 millóns ao ano. Mais o «profesor Carracedo», como aparece nos papeis («O seu grupo é o que máis publica no mundo sobre Medicina Forense», di un reitor camiñante) non quixo marchar. Necesita as paisaxes bravas da Fin da Terra; tenta facer país do Impaís de todo xeito: agora, tamén, con crónicas na contraportada de La Voz. Por elas vese que o reclaman en calquera parte do Globo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 26/09/2015.]

Share