“Candidatura de todos”

O derrame do leite galego (o corenta por cento de España) e a campaña electoral (case bélica) de Cataluña dan pé a discusións sobre a proposta candidatura común de galeguistas nas eleccións xerais de decembro. Oíronse argumentos a favor de que unha comunidade periférica sexa representada en Madrid por partidos estatais, mais tamén das vantaxes dunha voz galega común nas Cortes. Vaiamos á historia:

Hai corenta anos Galicia tiña formacións políticas autóctonas, de esquerdas e de centro. Hoxe só se mantén algunha de esquerdas e agroma un centro galeguista. As organizacións fenecidas foron verter as súas enerxías nos partidos estatais, os cales trataron o impaís galego en función do seu peso -leve- en termos de política de Estado: o que resulta de combinar o número de habitantes co PIB da rexión. Voces patrióticas coma a de Ramón Piñeiro esgrimiran o argumento de «galeguizar os partidos españois», e alá foran aqueles homes nas listas das grandes formacións, non todos á procura dunha carreira profesional na política.

Hóuboos idealistas, que loitaron… para acabaren desilusionados.

Ante tal desilusión, os xestores da candidatura galega única deberían falar cos galeguistas dos partidos estatais, convidalos a participaren: a parábola do fillo pródigo non perde valor, e vívense tempos de ollar pola familia.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/09/2015.]

Share