“R” (A voapluma, 14/11/1999)

De súpeto reaparece a “R”, símbolo da resistencia, coma o berro do recén que, mesmo estando mantidiño e limpiño, chama a atención cun choro a destempo: lei de vida.
“Erre” chama a atención nunha Galicia corrupta no lingüístico, porque se anuncia en galego contra todo prognóstico, sabendo ata onde chega o espírito do colonizado das empresas de publicidade locais. Cando os inquéritos demostran que é simpático publicitarse na “lingua B” do sistema diglósico, os protomadrileñatas da imaxe corporativa venden frases de reclamo na “lingua A”, ata con “leísmos”.
Pero “R” é valente, e conquista. Repítese o caso entre a xente moza: “Eu fun onda eles porque se anuncian en galego”. E niso acerta a nova empresa.
Non acerta co nome, e coa explicatio non petita de por que se fai chamar así. Explicar a cacofonía supón vontade de corrixir rumbo errado desde orixe.
Mais a cousa non finda aí. “R”, a do mal nome, sabe que é un proxecto popular por natureza: de ámbito galego, con espírito de servicio universal e avalada por empresas do diñeiro, da comunicación e das infraestructuras, donas de dereitos de paso e apoio para cabos de sinal.
É, por principio, unha esperanza colectiva, un David que abrirá as portas ás telecomunicacións rápidas que os Goliats non dan atendido. Xove e benvida, só lle resta chegar ás casas co aparello que as introduza, a bo prezo, na rede das redes.
A xente segue agardando. E alguén pregúntase por que “R” non se chama “L”, símbolo da inductancia, ou “C”, da capacidade: soan mellor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/11/1999]

Share