Greta (A voapluma, 13/11/1999)

Greta é o meu novo amor. Todos temos dereito a namorarnos, vivimos na procura de amores que poidan xurdir en calquera volta do camiño. Eu tiven a sorte a atopar un amor novo e síntome bobamente feliz.
Souben de Greta nun comezo de tarde tristoña. Dixéronme que a ían buscar pero marchei sen vela porque chegaba tarde ao xantar.
Pasou unha semana e na visita que puntualmente fago a Morás, parroquia de Arteixo, esperei ter un primeiro contacto con ela, mais foi esquiva. Decateime de que me escapaba, seguina e vin como se agachaba onde non a podía alcanzar.
Chameina, insistinlle, pero ela non quixo vir. Daquela, frustrado, fun onda a Aixa, conteille o desdén da pérfida e a Aixa, sempre tan compañeira, deume a entender que iso son cousas de quen é nova de máis.
Montei. Saímos ao campo, parámonos onde os ourizos xa se abrían, oferentes, apañei castañas de casca puída e voltamos.
Á volta, Greta xogaba cun compañeiro, o Perucho. Agarrábao polo rabo cos dentiños agudos e o pobre colega, incapaz de acadarlle o rabo a ela, acababa entregándose. Greta, co instinto da súa raza inimiga de lobos para defender ovellas, lanzábase sobre o entregado, a trabarlle no pescozo.
Parei pampo a mirala, lembrando o meu Gurú cando chegou, pequerrecho, nunha cestiña: os cachorros de gos d’atura son unha lindeza…
Logo de varias visitas, Greta é amiga miña: veme, déitase, pídeme cóxegas e non me deixa ir. Xa sei que todos os cadelos son xoguetes namorantes, pero esta cadeliña pastora —créanme— mesmo alimenta a irrazón vital.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/11/1999]

Share