Paso a dos (A voapluma, 12/11/1999)

Chegado o lector á páxina 306, acumúlanse na súa memoria as vivencias dos catro relatores da traxedia: Pablo Constanti, o seu asasino, Ricardo, Alfonso e Isabel, fillos do asasinado. Son vivencias destas criaturas de ficción que o lector compartiu durante horas de pasar páxina sen podelo remediar, que lle deixan a sensación de ter estado nun mundo completo, de Vilaponte a Lisboa, Xenebra e París.
Paso a dos ten orixe, relación e conclusión: é un romance –usemos palabra precisa en linguas próximas-, non unha narración curta. O autor sabe abrir as portas á súa invención, non cae na simplicidade de a penas a abrir a fiestra pola que o lector se debruce á procura da substancia literaria.
Ramón Pernas ten un pouco de Saramago: narrador por necesidade de berrar un “¡aquí estou!” ao estilo do que definía George Orwell no seu perfecto Why I write, sen embargo reservouse ata entrado en maturidade para saír á tarimba dos vaidosos. Quizais con este retraso se perdesen capítulos de historia de Galicia que Pernas coñece, pero na súa toma de posición serodia hai carradas de oficio secreto.
Vilaponte é Viveiro, vila simétrica de Pontedeume. Do Landro ao Eume houbo unha xeografía de paseos á madrugada e tiros ao corazón, e nunca se dará escrito o que medos de corenta anos de represión mantiveron ás caladas.
Paso a dos é un documento da realidade: o asasinato falanxista, o espanto franquista, o exilio que baldeirou España de mentes productivas. É un acerto de Ramón Pernas. Algo de lectura obrigatoria.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/11/1999]

Share