Taiwan (A voapluma, 10/11/1999)

Curiosos bichos confiados, os humanos cremos que as cousas han de perdurar eternamente: esquecemos Babilonia, Exipto, Roma, Bizancio… e seguimos no formiguear cotián -ata que chega o susto.
Andaba eu de aeroportos cando me sorprendeu a noticia: en Taiwan houbera un terremoto. Inmediatamente lembrei a Ramón Bermúdez de Castro, que vive (é un dicir) voando e coñece ben a illa dos chineses “libres”. A seguir, pensando nel e nos productos de Televés que vende mundo adiante, pasáronme pola cabeza varias ideas.
A primeira, que, se o terremoto fora cousa seria, no mundo ía haber un problema económico. A segunda, que España é un impaisote de segunda, onde se nos enche o ollo fabricando coches que outros deseñan mentres non somos capaces de deseñarmos nin fabricarmos productos electrónicos -fóra a excepción de Televés.
Cando vin as imaxes da CNN sobre Taiwan estiven a punto de chamar ao Bermúdez de Castro, colega sabio, e preguntarlle como vía o negocio. E, se non o fixen, foi desconfiando de que Ramón andase en zona de fuso horario próximo…
Pasados uns días veu a confirmación: na administración do CIS retrasábase a compra duns equipamentos telemáticos a propósito, pola suba de prezos en Taiwan. Daquela lembrei que hai vinte anos -nun esforzo de vontade- eu mandara comprar para a miña empresa un ordenador fabricado en Vigo. E o ordenador funcionou.
Pero estamos en España e son outros os que inventan. Un país menor defínese polos tributos de impotencia que paga aos maiores, como Taiwan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/11/1999]

Share