Fish ponds (A voapluma, 09/11/1999)

O Ib era da Dinamarca (Ibsen, o famoso apelido daquelas terras, é “fillo de Ib”) e a nosa amizade xurdiu nun negocio hai tres lustros ruinoso e hoxe esplendoroso: o eólico.
Ib e eu andabamos viaxando, el a Galicia e eu á Xutlandia. O noso era o aproveitamento e control electrónico das enerxías limpas; pero tamén nos interesaba a depuración dos detritos -zurros das granxas, esgotos das concentracións urbanas- polo que nela interviña o control e mais porque representaba unha fonte de enerxía.
Iso facíanos mirar as rías e meditar sobre o futuro (que xa é hoxe). Daquela viamos conflictos para a caza de peixes por métodos agresivos: os galegos querían dar cabo de canto se puidese arrastrar nas plataformas continentais alleas.
Necesariamente, Galicia tiña que se converter á gandería de peixes. A chave do asunto -aseguraba o Ib, convencidísimo- estaba neses fiordos suaves que contemplaba e aos que chamaba en inglés “wonderful fish ponds”.
Mais, para seren productivos os “estanques de peixes”, cumpríalles limpeza, e os galegos levaban séculos sen conto asentándose nas marxes, deitando lixos que se acumularon en forma de lodos…
Estes días tivemos por aquí un comisario europeo de auga doce, danubiana, con perspectivas de esturión; e unha ministra esteparia de colesterólico apelido. O austriaco debeu levar unha visión das realidades que o Ib apuntaba. A madrileña -polo que prometeu- non sei se saberá que o primeiro a limpar son as rías.
Porque o mar aberto aguanta todo, pero os estanques apodrecen.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/11/1999]

Share