Fraguas (A voapluma, 08/11/1999)

De novo en coche e pola radio, chégame a nova: don Antonio Fraguas pasou a mellor vida. Adeus, profesor, corcova e sorriso, ollo chiscado —e todo un pobo recollido no coñecemento de o explorar durante a vida longa. Gloria haxa quen aprendeu os detalles da tribo que provoca a nación (como a familia provoca a tribo), ente natural contra a que nada poden os nacionalistas de artificio (os do estado-nación). Galicia ficará en débeda con el outras mil primaveras cunqueirianas…
Don Antonio debeu oír catro cousas sobre Tertúlia, novela que me atrevín a escribir e que, se cadra —por non ser materia antropolóxica—, nunca lera. Algunha vez algo me largou, con cara pilla e divertida. Pero a última foi sonada:
Por casualidade, atopámonos asento con asento no paraninfo da universidade compostelana. Inaugurábase a cátedra Alejo Carpentier, presidía don Manuel, estaba presente o ministro de Cultura cubano e daba triste discurso unha catedrática fuñaña disposta a convencernos do marxismo de El Siglo de las Luces.
Farto do sopor, de repente, don Antonio diríxíuseme como o podería ter feito calquera compañeiro de martirio académico. Pero andaba medio xordo, non calculaba o volume da súa a voz, e sentíuse como me dicía:
“Alcalá, seica andas a escribir que os académicos somos unhas momias. Pero equivócaste: somos supermomias”; e riuse, provocando a gargallada dos que nos rodeaban…
En fin: cando se despide alguén e boto contas, o que máis valoro do ausente é o rastro de humor que puido ter deixado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/11/1999]

Share