E Cuba? (A voapluma, 07/11/1999)

Mañá cedo. Funil de Fene. Paciencia e radio. Oído Xusto López Carril da Galega, toque no botón co anular esquerdo, no “satélite” por baixo do volante: a procura no dial acaba nunha tertulia. Falan para o mundo desde “un pueblón castelhano chamado Madrid” (Guerra da Cal).
Intervén don Luis María da Real Academia, tan español que se fai chamar non Ansón senón Anson e, quizais con toda La Razón, non saiba dun Anson comodoro, pirata como bo inglés, odiador dunha España que puido ser grande, dominadora dos mares.
Falan os madrileños sen visión salvo do seu embigo (don Gonzalo dicía que en Ferrol, de cativo, nunca escoitaba falar de Madrid. Só de Londres, Nova York, La Habana, Río, Buenos Aires). Cargan a man nos “milicos” arxentinos, porque Garzón deu en desmascaralos; pero Anson, o máis culto, pregunta: “¿E Cuba?”
Porque Cuba é unha republiquecha mojiteira onde case todo o xenital —e o anal— se vende, presidida por un tirano (véxase o significado do termo no diccionario de mister Anson and colleagues).
En Cuba non hai máis dereito có de ser un bo vixiador: media poboación espía a outra media; e hai “chalés” onde apodrecen os que non enguliron todo canto mandan El e os acólitos que gozan das viandas compradas nas diplotiendas; e mellor non falarmos dos que apodreceron en calquera cadea ou campo de reeducación —ou na cova, logo de fusilados.
Pero Cuba é relación xenital —ou anal— e os constructores (anunciaba o señor Fontenla a López Carril) van facer grandes investimentos turísticos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/11/1999]

Share