Cuqui Silva (A voapluma, 06/11/1999)

Cuqui Silva é Xosé Manuel Silva Rodríguez (do Taldao, Chantada). A nós sempre nos chegou con chamarlle Cuqui, e agora que pode ser o director xeral máis poderoso da Unión Europea non sei como lle van chamar.
Como queiran, pero amólame de veras que ao noso amigo da troula estudiantil e musical lle veñan tocando o tirabeque coa historia de ser mellor mandado para o PSOE ca para o PP; ou con que dona Loyola teña que apoialo porque o chantadino lle fixo o favor de informala no seu día.
Parvadas. O Cuqui é o Cuqui e, desde a Bruxelas da súa elevadísima emigración, como alto funcionario do Hipersistema, nunca deixou de pensar na Galicia do corazón, a dos sucalcos sobre a beira do Sil acanonado onde medra a vide familiar, coa que o seu curmán Chemari fai viño con nome de avó común: Don Darío
Eu quixera que España -país, estado, nación ou o que sexa- non fose tan pailaroca e soubese valorar quen non é capaz de sectarismos e si de facer canto lle cómpre para saldar débedas patrióticas.
¿Por que o Cuqui non está en Santiago? ¿Ou en Madrid?
Porque está en Bruxelas. Pero avisa.
Mandando González Laxe, veu o Silva ao Impaís advertindo o que podería pasar coa carne, o leite, a madeira e o peixe. En tarde destemperada, por Riazor, pintoume o retrato do que estamos a ver hoxe.
Anos despois, en Silleda, apartouse da comitiva que o paseaba en triunfo pola Semana Verde e díxome: “Alcalino, a min gústame cambiar cromos. Di por aí que me pidan cousas”.
Transmitín a mensaxe, pero non sei se llas pediron.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/11/1999]

Share