Uxío (A voapluma, 05/11/1999)

Nestes días outonizos marchan poetas para o País sen Retorno; e, na memoria de quen entendemos a poesía como fonte primeira da palabra, queda un longo ecoar das súas voces, a ladaíña de modulacións sónicas que atinxiran o noso oído.
Cando as tribos literarias andan en divisións á hora de xulgaren quen aporta máis ao corpo dunha literatura nacional (de pobo con fala definitoria), quizais cumpra ir ás matemáticas para lembrarmos dous nomes: Shannon e Dirac.
Eu sei que Manuel María todo me perdoa, e me absolve como Supremo da máis secreta das confrarías de homes libres que na Cristiandade haxa. Por tanto, tamén vai desculpar estes pedantismos:
Shannon.- Di que unha palabra contén tanta máis información canto menos frecuente sexa a súa aparición no código.
Dirac.- A súa función delta é a que toma valor infinito nun momento, para volver ao cero inicial.
O poema perfecto é a delta de Dirac da suxestión, o que a penas dá estructura de arroupamento á estrofa na que un sente aproximarse a palabra total, de valor infinito, que produce tremor nas pernas e un baile de auga indiscreta ao canto dos ollos.
Iso é a Poesía, raíña absoluta do literario, diante da cal todo é rendición, entrega. Porque na vida, señores, non é máis quen máis se esforza senón quen sabe acertar, como Shannon e Dirac no seu eido…
Foise a voz poderosa do Courel. Queda en min o seu reverbero -o do derradeiro encontro, con saúde, baixo soportais de Compostela.
Quero lembralo así, ecoante, a carón dos grandes matemáticos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/11/1999]

Share