O aiatoláh (A voapluma, 04/11/1999)

Hai días andou por Francia o aitoláh, e os compatriotas exiliados armáronlla boa desde o arco do triunfo cunha pancarta a pedir o máis doado: “Abas Khameini”.
Eses xefes relixiosos e políticos do Irán teñen algo maxestoso no vestir de longo, con cores austeras, turbante de prudencial tamaño e barba coidadiña, varonil; algo que dá para os mostrar en solemnidades coma os banquetes.
E o caso é que iso -o protocolo manxatorio- trouxo un curioso problema diplomático:
Na Europa dos pecados en que vivimos, aínda sendo machistas de máis, temos por costume galante compartirmos comida e viño coas nosas mulleres de carnes á mostra (que, en moitos casos, cociñan e serven as mesas).
Pero estes señores do estrictísimo islam, polo visto, non permiten ás donas apareceren nos festíns, aínda vindo castamente envoltas nesa mortalla en que as meten, para -suponse- que as formas femininas non os distraian dos elevados pensamentos en que sempre deben andar.
Iso xa manda truco; pero é que un aiatoláh tampouco debe libar viño, nin permitir que outros -varóns- o fagan na súa presencia.
En total, que os ministerios de asuntos exteriores de Francia -a dos viños de segunda que se venden como de primeira- e o Irán -onde cómpre ser abstemio por ortodoxia- non se puxeron de acordo, e non houbo “banquetes de estado”, o cal resulta orixinal e debeu saír barato…
Disque o aiatoláh, en petit comité, comeu o foie acompañado con auga de Vichy: como imos ter que facer aquí para evitarmos que nos retiren o carné por un ano.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/11/1999]

Share