Horticultura (A voapluma, 03/11/1999)

Á volta do paseo dominical, o ceo decide vingarse da nosa ousadía e deixa caer con todo o unha fervenza de chuvia vertical, sen vento que a abanee.
A capa de auga, con sobrecapa e caparuza, protéxenos a min e á egua. Pero, con todo, vou arrimando a nosa andadura ás árbores de ponla aberta, que son poucas porque manda o eucalipto; e miro os efectos do chuvasco por leiras e prados.
Así é como reparo en que aumenta o número dos invernadoiros, nos que medran productos de horta que a intemperie estragaría; e a visión tráeme unha lembranza.
En día de moito chover, de edificios tisnados, cervexa e mexillóns, unha vez máis andaba eu por Bruxelas cun amigo que ocupa un alto cargo relacionado cos recursos agrícolas da Unión. E falamos do que obsesiona os galegos da diáspora: a Galicia que idealizan.
Meu amigo foi rotundo ao aseverar que aquí se dan condicións ideais para quitar altos rendementos do campo. No campo galego deberíase estructurar o grande horto de Europa.
Galicia -di el- está entre Holanda e Almería. O clima é suave e chuvioso. Unha estructura de ferro galvanizado e a correspondente cuberta de plástico poden protexer froitos de horta que non precisan de calefacción -como en Holanda- nin de rego -como en Almería.
Aquí pódense dar hortalizas todo o ano, en proporcións de converteren o agro galego en exportador. E urxe tomar medidas, porque o solo do sur español, sobreirrigado, salinízase rapidamente.
Ante o cal -moito ollo- capitais holandeses andan a mirar polas mellores terras do Impaís.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/11/1999]

Share